Thursday 09 de May de 2024

O CGES aplaude as sentencias do Tribunal Supremo que recoñecen diferenzas entre enxeñeiros e graduados


O máster debe complementar aos estudos de grao para equiparar a formación

O Consello Galego de Enxeñerías mostra a súa satisfacción polas sentencias do Tribunal Supremo, que sentan xurisprudencia, sobre o acceso a prazas de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos en administracións públicas. Segundo esta resolución se a praza ofertada está destinada a este corpo concreto, ostentar o título de grao non é suficiente para aspirar a elas senón que sería necesario poseer o título previo á implantación do Plan Bolonia ou cursar ademais o máster actual que complementa os estudos de grao.

Esta decisión xudicial apoia a tese que defende o Consello Galego de Enxeñerías co obxectivo de protexer aos enxeñeiros e tamén ao entramado social sociedade, garantindo que os postos ofertados se cubran coas persoas tituladas que posúan a formación necesaria.

O estatuto que regula o acceso á función pública establece no articulo 76 que para ingresar nos corpos e escalas do grupo A se esixirá o título de grado salvo naqueles supostos que a lei esixa outro título. Dende a implantación do Plan Bolonia nas universidades españolas, os enxeñeiros e enxeñeiras estiveron loitando porque se manteña a diferenza entre enxeñeiro técnico –tres anos de carreira, que equivale a unha diplomatura- e enxeñeiro superior –entre cinco e seis anos de carreira, similar a unha licenciatura-. O novo plan de estudos une ambas modalidades de forma que os novos enxeñeiros cursan, ao igual que o resto de universitarios, un grao de catro anos. En base ás sentencias do Tribunal Supremo, só son equiparables se ademais se cursa tamén o máster.

Máis información sobre o CGES
O Consello Galego de Enxeñerías está conformado por oito colexios profesionais de enxeñeiros: Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos, Enxeñeiros Industriais, Enxeñeiros de Minas, Enxeñeiros Agrónomos, Enxeñeiros de Telecomunicacións, Enxeñeiros de Montes, Enxeñeiros Navais e Oceánicos, e do ICAI. O obxectivo principal desta agrupación é representar nunha única voz á enxeñería galega ante as Administración Públicas e ante a sociedade. A Asociación representa na actualidade a máis de 5.000 profesionais de alta formación e cualificación internacional.

O CGES promove a coordinación entre os diferentes campos da enxeñería en Galicia, potencia o traballo interdisciplinar e expón as inquedanzas da enxeñería ante organismos públicos e privados. Do mesmo xeito, dende a organización búscase avanzar na prospección da evolución científica e tecnolóxica no territorio, así como prestixiar a enxeñería en Galicia, colaborar con todo tipo de organizacións no desenvolvemento e promoción da enxeñería galega e contribuir ao perfeccionamento das ensinanzas de enxeñería e a formación continua en Galicia.